Non máis aló das nubes

Sinopse

Nunha enorme casa da Cidade Xardín, na Coruña, xúntanse catro persoas singulares. Non acharon aínda o seu oco na sociedade ou foron guindados con violencia dela. A súa conduta, ás veces, é estraña e colide coas normas sociais estabelecidas.

Dona Constanza, unha marquesa á que os seus fillos pretenden incapacitar xudicialmente a causa do manexo dispendioso da súa facenda, foxe da súa casa cunhas poucas pertenzas que vai arrastrando nun carriño da compra. Di por aí que os seus propios fillos a tratan como un moble atacado pola couza e que é acusada por algúns de ser comunista.

Un mozo informático que herdou un capital considerábel e vive só nunha mansión. Ten bastantes manías, non adoita mirar aos seus interlocutores e se atropela ante as mulleres. Foi diagnosticado como portador dun trastorno do espectro autista, con problemas de colon, sen habilidades sociais, dependente dos antidepresivos e que aínda non atopou o seu sitio no mundo. Entende o que lle rodea á súa peculiar maneira.

Unha moza adorábel con parálise cerebral, de xuízo recto, agradábel e con máis sentido común que a maioría dos mozos da súa idade e, incluso, que as persoas maiores a quen non lles importaría que fose a súa filla. A pesar da súa discapacidade física causa moi boa impresión nos demais.

Un mozo altísimo, con problemas de saúde, cunha intelixencia por baixo da media. Ten un perímetro cefálico, nariz e orellas bastante grandes. Só ten a mecánica como leitmotiv de todas as súas accións. A iso une a súa manía por falar koruño, unha mestura espuria de linguaxe dos arrabaldes e xerga carceraria. Vive nun mundo paralelo no que el é o protagonista. O pediatra comunicoulle aos seus pais que tiña unha síndrome co seu nome correspondente, pero os seus pais esquecérono aos cinco minutos.

Estes catro personaxes forman o grupo FUCA. Creado como un club de lectura e preocupado pola accesibilidade universal, chega a ser considerado un grupo terrorista, razón pola que algúns dos seus membros son detidos pola policía.

Dona Constanza, dende o faiado, espreita todo como unha voyeur rabiosa e eríxese na nai putativa de todos os demais. Todo o grupo contempla o mundo doutra maneira, ás veces disparatada, pero non exenta dunha estraña lóxica.

A tese que suscita a novela é que todas as persoas, por diferentes que sexan, teñen o seu sitio no mundo.

Ás veces, pode parecer que o autor trata a algún dos personaxes con pouco respecto. Todo o contrario, debido á súa experiencia con persoas portadoras de discapacidade, trata de desdramatizar esta e valerse da ironía ou, mesmo, do sarcasmo para que eles e a súa forma de vivir sexan expostos á sociedade e que esta lles faga un oquiño nela. Deixemos que cada persoa viva a súa vida e non a que outros deseñaron para ela!

Cal é o ton da novela? Son o autor e quizabes non sexa o máis indicado para avaliar unha cuestión deste tipo e desta envergadura. Só dicir que, de ser un obra teatral, sería unha traxicomedia. Hai momentos de escachar coa risa e momentos dramáticos (como a vida mesma?).

Que lembranzas lle poden vir á cabeza ao lector cando le esta obra? Pois, salvando a moita distancia, algunhas paxases poden lembrar a A conxura dos necios, de Kennedy; O garda entre o centeo, de Salinger e, mesmo, ten pinceladas, ou brochadas, de Xogo e distracción de Salter. Pero isto que acabo de escribir só son pinceladas, ou brochadas.

Conseguir un exemplar

Se queres conseguir un exemplar de Non máis aló das nubes fai un Bizum (19,90€, sen gastos de envío) ao 651 528 711. Despois escanea o comprobante, engade o teu nome e enderezo postal se vives fóra da Coruña ou se vives na cidade e queres recibilo por Correos e envíao ao Whatsapp  do número indicado ou a este correo electrónico. Indica se queres que cho asine o autor. Tamén en Medulia Editorial e nas librarías.